Monday 06 de May de 2024

Entrega de premios do III Certame de Poesía e concerto para concluír o maio adicado ás Letras Galegas en Cabanas


O xurado do III Certame de Poesía do Concello de Cabanas premiou a obra de Ana Belén Fernández

O Concello de Cabanas acollerá este venres ás 18.30h a cerimonia de entrega de premios do III Certame de Poesía, na que recollerá o seu galardón Ana Belén Fernández, de 45 anos e veciña de Mondariz, autora da obra “Augas rescatadas”.

O xurado do III Certame de Poesía, formado polos autores Andrés Martínez Riveira e Ana Belén Varela Miño, xunto coa concelleira de normalización lingüística Paula González, coincidiron en premiar esta obra. Ana Belén Varela sinalou que o texto “nos leva da man, invitándonos a atravesar un río de afogamentos inacabados cheo de imaxes limpas e potentes”, mentres que Andrés Martínez destacou que “a evocación dunha paisaxe familiar sérvelle á poeta para levarnos da man a través dos anos nun paso da inocencia infantil á progresiva toma de conciencia”.

Logo da entrega de premios, será o dúo formado por Cristian Leggiero e Paty Lesta quen poña a nota musical á xornada, cun concerto homenaxe á música tradicional galega, que comezará ás 19.30h.

Ambas actividades, a entrega de premios e o concerto, serán no Salón de Plenos da Casa do Concello.